martes, 18 de marzo de 2014

ESPERTA!  Comeza a Coresma

Esperta! Comenzan corenta días de oportunidade.
Esperta! Vive este tempo en camiño, sen instalarte, sen recelo.
Esperta! Pon un calzado apropiado e revístete de moita paciencia contigo mesmo.
Esperta! Alixeira a equipaxe, entra convencido no deserto e camiña con paso lixeiro.
Esperta! Despexa a túa mente, abre o teu corazón.
Esperta! Énchete de esperanza e do optimismo que da ás e fai crecer.
Esperta! Comeza a Coresma.

Nesta Coresma dáte tempo para traballar a túa mirada, para poñer os ollos fixos noutro tempo, a Pascua, un tempo definitivo;
enche de tenrura e de misericordia as túas entrañas,
deixa que o Deus que todo o converte e dignifica no amor, te converta e te ame sen medida.

Nesta Coresma déixate meter pola brisa do Espírito de Deus: pon o teu corazón en sintonía cos seus latexos e berra o berro dos aflixidos, bebe da Palabra, da reconciliación, da oración persoal e comunitaria e non te deixes enganar polos espellismos do deserto.

Nesta Coresma baixa de onde esteas aos camiños da vida, baixa sen medo e déixate sorprender polo misterio de cada persoa e acontecemento.
vive ben esperto, camiña só pero tamén en comunidade, abastécete de moita fe, de moita esperanza e de máis amor.

Nesta Coresma practica o xaxún verdadeiro, ese que afasta do consumismo, da crítica e da indiferenza; suaviza o teu corazón de pedra e da paso á sensibilidade, á tenrura, á compaixón e á indignación tinguida de propostas.
Nesta Coresma practica o perdón e a reconciliación, déixate acoller e abrazar, perdoar e pacificar; pecha a porta á tristura e ao desencanto e abre todas as ventás da túa casa ao sol que nace do alto e que nos fala de ilusión, de beleza e de solidariedade compartidas.

Nesta Coresma aproveita e dedica tempo para espertar á conversión, para optar ante as tentacións, para descubrir ante a transfiguración, para saciar a sede como a samaritana, para ser como o cego de nacemento, para vivir como Lázaro e para entregarte como Xesús.


É tempo de Coresma, é o teu tempo.Aprovéitao!




No hay comentarios:

Publicar un comentario